A Xunta de Galicia poñerá en marcha o próximo ano un plan de choque dotado con 35,7 millóns de euros para reforzar o sector turístico con medidas entre as que se atopan as seguintes:
- O seguro coronavirus.
- Iniciativas para incentivar o consumo.
- apoio á creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.
A primeira das medidas, o seguro de coronavirus, cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento ante un posible contaxio da Covid-19 dun viaxeiro e o seu acompañante. Doutra banda, a segunda das medidas inclúe a renovación do Bono Turístico con seis millóns de euros, a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia con 1,3 millóns e por último a terceira das medidas supoñerá a creación dunha liña de apoio (dotada con 1,2 millóns) parafomentar a cooperación entre turoperadores co obxectivo de que creen paquetes turísticos atractivos na pandemia.
En total 35,7 millóns de euros que cubrirán axudas directas e específicas ao sector da hostalería, ademais de axudas para mellorar os aloxamentos e restaurantes galegos de 3,5 millóns de euros, triplicando o investimento deste tipo de axudas.
Ademais, a Xunta lembrou o plan de rescate que lanzou para axudar aos sectores máis afectados pola pandemia con 84 millóns de euros, sobre todo, dirixida a persoas autónomas, microempresas e/ou autónomos con persoas asalariadas. Así mesmo van dirixidas ao sector da hostalería, un dos sectores máis afectados debido aos peches como consecuencia das restricións adoptadas no mes de outubro. A Xunta defende que tamén realizou “un traballo inxente” para adaptar e reforzar servizos públicos como a educación, a sanidade ou a Administración da Xustiza.
Fonte: Quincemil