Convocatoria
A Universidade de Santiago de Compostela, co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia, patrocinadora do Máster Universitario en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas en virtude do Convenio de Colaboración asinado o 30 de abril, convoca 5 bolsas de axuda á matrícula de 600 euros cada unha para o curso 2019/2020 para novos/as estudantes.
A Comisión Académica do Máster para estes efectos acordou establecer as seguintes bases da convocatoria para a concesión das axudas.
Requisitos dos/das solicitantes
O estudantado candidato ás bolsas debe cumprir os seguintes requisitos:
– Realizar a matrícula por primeira vez no Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas no curso 2019/2020.
– Non ser beneficiario de ningunha outra bolsa de estudos ou exención de prezos públicos no curso 2019-20. No caso de recibir algunha bolsa/exención posteriormente, deberá reintegrar a bolsa de axuda á matrícula desta convocatoria.
– Contar cun expediente académico da titulación que dá acceso ao Máster con nota media igual ou superior a 6 puntos.
Documentación requirida
O/A solicitante debe achegar:
– Impreso de solicitude, que se encontra ao final desta convocatoria, debidamente cumprimentado.
– Fotocopia do DNI.
– Expediente coa nota media da titulación que dá acceso ao Máster (se non é da USC).
– Documentación acreditativa do nivel de idiomas estranxeiros expedida pola Escola Oficial de Idiomas ou organismo similar.
– Declaración de non ter outra bolsa ou exención de prezos públicos no curso 2019-20.
– Número de conta bancaria para efectuar o ingreso da axuda.
– Formulario relativo á protección de datos.
A solicitude implica a aceptación das presentes bases.
Lugar e prazo de presentación
As solicitudes, debidamente cumprimentadas e acompañadas da documentación descrita na base anterior, presentaranse dende o día da publicación da convocatoria ata o día 30 de xuño de 2020. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar a súa solicitude por medios electrónicos, a través do rexistro electrónico da sede electrónica da USC, dispoñible na web:
https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm
Tramitación das solicitudes
A Comisión Académica do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas publicará a lista provisional de persoas admitidas e excluídas: as/os solicitantes terán 3 días hábiles dende a data de publicación para achegar a documentación necesaria ou emendar os defectos que se detectaran, facéndose saber que en caso contrario a solicitude quedará definitivamente arquivada.
No prazo máximo de trinta días dende a finalización do prazo de solicitude, a Comisión Académica publicará o listado definitivo de admitidos/as e excluídos/as.
Toda a información será publicada na páxina web do Máster www.uscturismo.com e na páxina web da Facultade www.usc.es/gl/centros/ecoade
Proceso de selección
A Comisión Académica do Máster valorará as candidaturas das persoas solicitantes tendo en conta: Por cada unha das titulacións de acceso só se poderá seleccionar unha solicitude. No caso de que houbera máis dunha solicitude por titulación, a selección efectuarase mediante o criterio de nota media do expediente académico da titulación presentada. No caso de coincidencia na nota media dos expedientes, valoraranse os
idiomas acreditados polos/polas solicitantes.
No caso de que non se cubrisen as bolsas polo procedemento previamente presentado, poderanse seleccionar máis solicitudes da mesma titulación de acceso. Neste caso o criterio de selección xeral será a nota media do expediente académico da titulación presentada. No caso de coincidencia na nota media dos expedientes, valoraranse os idiomas acreditados polos/polas solicitantes.
Resolución
A Comisión Académica do Máster dará traslado do acordo de valoración ao vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional quen, por delegación do reitor, resolverá e publicará, no prazo de non máis de 40 días dende a finalización do prazo de solicitude, o listado de solicitantes beneficiarios/as das bolsas e o listado de agarda.
Modalidade de pagamento
Os/As beneficiarios/as das bolsas terán a obrigación de superar a totalidade de créditos do Máster, incluídos os do Traballo Fin de Máster e, de ser o caso, os complementos formativos, na convocatoria de xullo do curso académico correspondente. O pagamento realizarase unha vez que conste no expediente do alumno/a a superación da totalidade de créditos do Máster.
Réxime da convocatoria e Recursos
Corresponde á Comisión Académica do Máster a interpretación das presentes bases.
Contra a presente resolución, e os seus actos, que esgotan a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á súa recepción, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o ditou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 123 e 124 da lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas.