Quedan poucos días para que se abra a Porta Santa e dea inicio o ano Xacobeo 2021 e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, chama aos galegos, aos visitantes e ao sector turístico a que, entre todos, camiñemos cara un Xacobeo no que a seguridade sexa un valor constante cun orzamento de 85 millóns de euros para garantir un Xacobeo 2021 seguro, coñecido, recoñecido e dinámico.

O artista coruñés Xoel López compuxo a canción “Lodo” que dá música á campaña publicitaria, na que se reflicte Galicia como un destino para os turistas e peregrinos “que veñen con ganas de resarcirse deste ano, sen esquecer as medidas sanitarias” segundo sinala o presidente da Xunta.

Un evento orientado á reconstrución económica e á reactivación do sector turístico co fin da promoción cultural do Camiño de Santiago cunha paisaxe única e verde.

Despois dun ano coma o 2020…todos necesitamos un Ano Santo.

Elaboráronse plans e protocolos para garantir establecementos seguros, outros específicos para os albergues, realizando melloras nos existentes e poñendo en marcha outros novos. Ademais de empezar coas directrices nas que se van basear o “Plan director 2021-2023 Galicia destino seguro“, así como unha serie de axudas directas ao sector da hostalería, dotado con 36 millóns de euros para o 2021.

O presidente da Xunta concluíu a presentación da campaña recalcando que os turistas e peregrinos que veñan a Galicia o vindeiro ano se atoparán coa catedral restaurada despois dos traballos elaborados nos últimos anos, cos Camiños mellorados e cunha Galicia segura, referente turístico de calidade.

A media tarde do 31 de decembro inaugurarase o inicio do período xubilar compostelán. A apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela será retransmitida en directo cunha produción audiovisual concibida especificamente para a ocasión.

Ademais, a Xunta organiza un concurso para promover a participación cidadá na iluminación artística de edificios do Camiño de Santiago.

Os participantes deberán subir ás redes sociais un selfie cos hashtags #AcendeOXacobeo e #EnciendeElXacobeo. Os tres mellores serán premiados cunha experiencia gastronómica e unha estancia en Galicia (ver bases do concurso).

A iluminación dos monumentos comezou o 22 de decembro e estenderase ata o próximo 31 de decembro de 2020.

Nesta iniciativa participan 10 comunidades autónomas e iluminaranse 92 edificios en tres fases.