Fitur declarado Acontecemento de Excepcional Interese Público

O Ministerio de Turismo, declarou á Feira Internacional de Turismo (Fitur) como Acontecemento de Excepcional Interese Público ( AEIP).

Esta feira, que conta con mais de 40 anos de historia, converteuse na segunda feira máis importante do mundo e é unha ferramenta de promoción e innovación eficaz, grazas á cal se impulsou o sector turístico en España. Adoita celebrarse no mes de xaneiro, pero tivo que ser aprazada como consecuencia da pandemia mundial do coronavirus.

A nova edición 2021 que se titula ‘Fitur Especial Recuperación Turismo’, celebrarase se a situación epidemiolóxica da pandemia o permite, do 19 ao 23 de maio de 2021.

Este evento axudará a reactivar o sector turístico, tan golpeado polas restricións impostas como consecuencia da pandemia da Covid-19. Esta edición contará con fondos públicos e privados, o que axudará a promocionar a participación do sector privado.

Nesta edición sen precedentes, os temas para abordar serán:

• A necesidade de revitalizar o sector turístico nacional.
• Potenciar a posición de liderado do sector e a súa forza como eixo central da economía.
• A capacidade de innovar e potenciar a sustentabilidade do mesmo.

Este recoñecemento a FITUR é tamén para IFEMA, polo seu incansable traballo a favor de vitalizar o turismo e a súa vixencia chegará ata 2023. Durante cinco días esta feira acolle a tanto a profesionais do sector do turismo, interesados nas últimas tendencias do sector, como ao público xeral, que quere coñecer de primeira man os destinos ofertados. Os tres primeiros días a Feira abre as súas portas exclusivamente aos visitantes profesionais e durante a fin de semana tamén ao público en xeral.

Na seguinte ligazón atopará a infinidade de actividades que se desenvolven nos distintos pavillóns e casetas do recinto de IFEMA: https://bit.ly/35P5zdl

A continuación, amósanse algunhas imaxes de pasadas edicións de FITUR nas que alumnado do Máster oficial de Turismo Urbano e Xestións de Empresas Turísticas da USC estivo presente::

Fontes:  Tur 43  e IFEMA

A Xunta de Galicia estrea unha plataforma para a venda de aldeas abandonadas

Segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE) en xaneiro de 2019 existían uns 3.900 núcleos rurais abandonados, deles uns 2.011 son entidades dispersas que non chegan nin a núcleos de poboación. Por esta razón e en aplicación da Lei de rehabilitación de 2019, a Xunta lanza unha plataforma na que se poñerá á venda unhas 3.000 aldeas abandonadas, e servirá de ligazón entre propietarios e futuros compradores particulares interesados en vivir ou activar negocios no rural galego. A Xunta convidará a colaborar a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ao Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria (Coapi A Coruña) na devandita iniciativa.

Esta plataforma está a disposición dos concellos e nela constarán datos como a superficie, o estado de conservación, a descrición e o prezo dos núcleos.

O fin último é que canta máis información teñan as persoas interesadas, máis compras e rehabilitacións se realizarán e, deste xeito, poderase aumentar a repoboación do rural galego.

Fonte: La Voz de Galicia e Quincemil

Google lanza unha plataforma en liña para estimular o sector turístico

Travel Insights, é o nome da plataforma que lanzou Google para estimular o sector turístico. Nela pódese atopar información sobre:

1. Información do destino

2. Información do hotel

3. Centro de análise de viaxes.

No apartado dedicado aos destinos, os viaxeiros poden coñecer as cidades máis demandadas e as zonas xeográficas nas que máis creceu a demanda de viaxes nunhas datas concretas.

Os hostaleiros poderán coñecer que turistas pernotan no seu ámbito xeográfico e así adaptar o seu negocio ás necesidades daqueles.

As empresas turísticas, con esta ferramenta, coñecerán as tendencias e coa información obtida no centro de análise de viaxes tomar as decisións comerciais e de márketing.

Grazas a esta plataforma millóns de viaxeiros en todo o mundo estarán informados en calquera das etapas da súa viaxe.

Para obter máis información sobre esta plataforma, pulse na seguinte ligazón: 

https://travelinsights.withgoogle.com/

Fonte: Tur 43

“Camiña a Galicia” é a campaña turística do Xacobeo 2021

Quedan poucos días para que se abra a Porta Santa e dea inicio o ano Xacobeo 2021 e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, chama aos galegos, aos visitantes e ao sector turístico a que, entre todos, camiñemos cara un Xacobeo no que a seguridade sexa un valor constante cun orzamento de 85 millóns de euros para garantir un Xacobeo 2021 seguro, coñecido, recoñecido e dinámico.

O artista coruñés Xoel López compuxo a canción “Lodo” que dá música á campaña publicitaria, na que se reflicte Galicia como un destino para os turistas e peregrinos “que veñen con ganas de resarcirse deste ano, sen esquecer as medidas sanitarias” segundo sinala o presidente da Xunta.

Un evento orientado á reconstrución económica e á reactivación do sector turístico co fin da promoción cultural do Camiño de Santiago cunha paisaxe única e verde.

Despois dun ano coma o 2020…todos necesitamos un Ano Santo.

Elaboráronse plans e protocolos para garantir establecementos seguros, outros específicos para os albergues, realizando melloras nos existentes e poñendo en marcha outros novos. Ademais de empezar coas directrices nas que se van basear o “Plan director 2021-2023 Galicia destino seguro“, así como unha serie de axudas directas ao sector da hostalería, dotado con 36 millóns de euros para o 2021.

O presidente da Xunta concluíu a presentación da campaña recalcando que os turistas e peregrinos que veñan a Galicia o vindeiro ano se atoparán coa catedral restaurada despois dos traballos elaborados nos últimos anos, cos Camiños mellorados e cunha Galicia segura, referente turístico de calidade.

A media tarde do 31 de decembro inaugurarase o inicio do período xubilar compostelán. A apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela será retransmitida en directo cunha produción audiovisual concibida especificamente para a ocasión.

Ademais, a Xunta organiza un concurso para promover a participación cidadá na iluminación artística de edificios do Camiño de Santiago.

Os participantes deberán subir ás redes sociais un selfie cos hashtags #AcendeOXacobeo e #EnciendeElXacobeo. Os tres mellores serán premiados cunha experiencia gastronómica e unha estancia en Galicia (ver bases do concurso).

A iluminación dos monumentos comezou o 22 de decembro e estenderase ata o próximo 31 de decembro de 2020.

Nesta iniciativa participan 10 comunidades autónomas e iluminaranse 92 edificios en tres fases.

Acto de presentación da restauración da Catedral de Santiago

O pasado día 18 de decembro de 2020 celebrouse un pequeno acto institucional para presentar a finalización dos traballos de restauración da catedral que se realizaron durante anos. O acto comezou cunha pequena introdución por parte do Deán da catedral Segundo Pérez. Ao devandito acto tamén acudiron personalidades como o arcebispo Monseñor Julián Barrio, o Delegado do Goberno de España en Galicia Javier Losada, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e o alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo.

Todos os proxectos de restauración e conservación foron posibles grazas ao esforzo das distintas administracións centrais e autonómicas, ao Arcebispado de Santiago, así como á Fundación da Catedral de Santiago de Compostela. Os traballos leváronse a cabo dende 2010 en espazos como a torre do reloxo, fachadas, bóvedas, así como na capela maior, onde se recuperaron policromías e no altar (máis información).