Tomando como eixo o traballo en equipo e unha estratexia de “aprender facendo”,  o programa Argos mantén aberto ata o 21 de outubro o prazo de inscrición da súa edición correspondente ao ano 2016, nunha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

O obxectivo desta convocatoria é conformar equipos interdisciplinares aos que se facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. O programa susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dun persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas do contorno de Santiago que poderán ser a base do seu plan de empresa.

 Argos está dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Están previstas tres fases que comezarán en novembro coa participación, o día 9, nunha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo. Nunha segunda fase procederase á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal do programa Argos para a súa presentación ante un xurado.

Ao remate do programa, os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC e Argos Enxeño, para proxectos xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.
A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñibles en http://www.uninova.org/  ou en http://www.usc.es/es/investigacion/avte/emprendedores/argos.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es . As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.

VER CARTEL:

ARGOS 2016_cartel_LQ.pdf