Spin Way é un programa de axuda a novos emprendedores que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos participantes.

A quen vai dirixido?


Se es estudante de último ano de grao, de doutoramento ou de posgrado poderás participar. Os participantes terán cubertos os seus gastos de aloxamento e manutención durante o desenvolvemento das actividades. A maiores, as persoas que sexan finalistas e que viaxen dende Latinoamérica terán apoio económico para o desprazamento por parte do Organismo Internacional da Xuventude (OIJ).

Inscrición


A inscrición é gratuíta e pódese realizar mediante un formulario no espazo web de Spin Way. O prazo para facelo remata o 28 de abril ás 14:00h. Podes ver as bases do concurso aquí.

O 24 de maio coñecerase o listado dos cen proxectos preseleccionados que se beneficiarán dun período de mentorización en liña, do 5 ao 14 de xuño. O listado provisional de finalistas coñecerase o 20 de xuño. Xa no mes de setembro está previsto un obradoiro preparatorio e a realización dos últimos 100 quilómetros do Camiño.

As cen candidaturas seleccionadas nesta edición recibirán axuda dun mentor persoal para mellorar o modelo de negocio proposto e recibirán feedback de alto valor engadido para o seu proxecto de emprendemento. Entre estas propostas elixiranse tamén os finalistas que viaxarán a Santiago de Compostela para vivir a aventura Spin Way do 7 ao 11 de setembro.

Experiencias


A continuación podes ver un vídeo sobre as experiencias dos participantes na primeira edición do programa:

Máis información: http://spinway.uninova.org/

Organiza: Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de Juventud para Iberoamérica (OIJ) e o Instituto de la Juventud (Injuve).