O pasado luns celebrouse unha reunión entre a Clúster de Turismo de Galicia, a vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Conselleira de emprego.

Nesta reunión, os membros da Xunta de Galicia explicaron a repartición de 16 millóns de euros en axudas, dos cales 12 millóns son para a hostalería e 4 para empresas de lecer nocturno, ademais de informar sobre os requisitos da concesión de 70 millóns para autónomos e microempresas dos sectores máis castigados pola pandemia do coronavirus.

O plan da Xunta para afrontar a nova situación céntrase en tres liñas de axudas:

1- En primeiro lugar, haberá axudas para complementar por cesamento de actividade a autónomos, que se recibirán nun único pago de 1.200 euros.
2- En segundo lugar, haberá axudas para microempresas e autónomos con empregados. Para acceder a estas axudas será necesario que teñan autorizado un ERTE dende marzo e poder acreditar mediante unha declaración responsable que os seus ingresos descenderon en máis dun 50 por cento. Estas axudas serán de 4.000 euros (que poderán chegar a 5.000 en casos de actividades especialmente afectadas).
3- A terceira liña será a de axudas directas para os efectos da paralización da actividade en 60 municipios. Será de 1.000 euros por mes pechado para empresas con menos de 10 traballadores e de 1.500 € no caso de empresas con máis traballadores.

Tanto os responsables da Xunta como os representantes do sector coincidiron na necesidade da implicación doutras administracións neste rescate xa que hai medidas, sobre todo de tipo fiscal, e outro tipo de axudas directas necesarias, que dependen do Goberno central.

O sector turístico forma parte da solución do problema agora, e será imprescindible para a recuperación social e económica cando se controle a pandemia.

O Vicepresidente da Xunta comprometeuse a ter todo listo no prazo dunha semana para que as axudas poidan ser recibidas por empresas e autónomos, en calquera caso, antes de final de ano.

Esta reunión foi a primeira que a Xunta desenvolverá cos diferentes subsectores do turismo representados na Agrupación industrial.

 

Fonte: Clúster de Turismo de Galicia