Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda celebrarán os próximos 24 e 25 de setembro a I Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, iniciativa que forma parte do proxecto de cooperación Mar das Illas, no que participan os tres GALP e do que son socios colaboradores o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia.

O xoves día 24 de setembro terá lugar un congreso no Pazo da cultura de Pontevedra. A este congreso asistirán de forma presencial un máximo de 30 persoas e as demais interesadas poderán facelo en streaming, realizando a previa inscrición no seguinte formulario:

O segundo día da xornada, o 25 de setembro, realizarase unha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que contará coa participación da trintena de persoas que acudiron presencialmente ao congreso o día anterior.

Ofrecer unha visión do estado das actividades de turismo mariñeiro e pescaturismo a nivel nacional e internacional constitúe o principal obxectivo do congreso. Ademais, será un punto de encontro e de debate das persoas interesadas deste tipo de turismo.

Esta xornada abrirana a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores; a conselleira de Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo e o representante da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Carlos Aldereguía Prado.

O proxecto ‘Mar das Illas’

É un proxecto que busca promover a actividade do turismo mariñeiro e o pescaturismo entre o colectivo de pescadores nas Rías Baixas de Galicia, a través da súa formación como guías acreditados de turismo mariñeiro no ámbito do Parque Nacional dás Illas Atlánticas.

Ata o momento, xa se formaron como guías 150 profesionais do mar. Ademais da realización de titorías personalizadas para todos os profesionais que decidiron emprender na actividade.