Este xoves, 10 de setembro, abrirá as súas portas o DoubleTree by Hilton A Coruña, o primeiro hotel da recoñecida marca hoteleira en Galicia. En conxunto, o proxecto supuxo un investimento de 14 millóns de euros e supón a creación de 40 postos de traballo directos e 20 indirectos.

O establecemento foi inaugurado días antes da súa apertura nun acto institucional ao que asistiron distintas autoridades, entre elas, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o delegado do Goberno, Javier Losada, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Deseño, tecnoloxía e innovación nas instalacións

Deseño, tecnoloxía e innovación son tres das características do novo hotel, que conta con 59 habitacións de diferentes categorías (estándar, deluxe, premium e unha gran suite).

Nas súas instalacións conta cunha gran terraza lunch, deseñada tanto para inverno como para verán; unha sala polivalente con biblioteca, que pode ser utilizada para reunións de empresa, e unha terraza privada. Ademais, no establecemento os clientes poderán atopar un salón de beleza cos últimos tratamentos do mercado, unha sauna finlandesa e un ximnasio.

Nas súas instalacións contará co restaurante Hünico, o cal estará dirixido polo chef galego Adrián Felípez, recoñecido na cidade polas súas elaboracións en Faragulla. A máxima do proxecto gastronómico é conseguir a excelencia, polo que, ademais de produtos galegos incorporaranse outros de primeira calidade.

É o primeiro hotel boutique da cidade e pretende converterse nunha referencia hostaleira e gastronómica de Galicia.

Evidentemente o público medio alto e os altos executivos son clientes potenciais deste hotel. Xa conta con 70 reservas para este mes de setembro.

 

Fonte: Tur43