A Xunta de Galicia está a elaborar un plan de reactivación do sector turístico para o cal destinará 27 millóns de euros. O plan contará cunha serie de 50 medidas para facer fronte á crise do coronavirus e busca cumprir cinco obxectivos:

    1. Creación de protocolos e certificados en materia hixiénico-sanitaria.
    2. Reforzo da marca Galicia.
    3. Reforzo da formación dos profesionais para esta nova etapa.
    4. Impulso de novos produtos.
    5. Impulso de novas solucións enfocadas a este escenario.

Co primeiro punto, búscase poñer en valor as medidas hixiénico-sanitarias para dar seguridade ao cliente.

A través desta confianza, preténdese fomentar a imaxe de Galicia como destino turístico impulsando, ademais, novos produtos e liñas enfocadas ás circunstancias actuais.

A promoción farase cara un mercado interno a través do lema “Quédate en Galicia” (#Quédateengalicia), ofrecendo prezos especiais ou descontos aos profesionais sanitarios e sociais que estiveron traballando en primeira liña durante a crise.

Para completar o plan previsto, asesorarán e ofrecerán consultorías online aos profesionais coa intención de facilitarlles ferramentas para mellorar a súa formación.

Para o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o mantemento do emprego e o estímulo da demanda son os temas máis urxentes. Poñerase en marcha unha liña específica que se fundamenta en tecnoloxías Big data para coñecer en tempo real os movementos dos fluxos turísticos e poder anticiparse a eles. Coñecendo estes fluxos, o sector poderá actuar con certeza e non en base a hipóteses.

Se falla o turismo, falla Galicia enteira

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

Por último, para dotar de liquidez ás empresas, o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) é o organismo encargado de apoiar a empresas e autónomos, que a día de hoxe, xa xestionou preto de 500 solicitudes. Todas estas medidas non teñen sentido se non se flexibilizan os ERTE, para os que solicitan que continúen unha vez remate o estado de alarma.