Os fans da triloxía do Señor dos aneis, obra escrita por J. R. R. Tolkien adaptada ao cinema polo director Peter Jackson, coñecen perfectamente as casas nas que vivían Frodo e o seu tío Bilbo Bolson en plena natureza. Nese mundo máxico inspirouse o complexo turístico “O meu Tesouro” que ten previsto abrir as súas portas a vindeira semana santa en Viveiro.

Este complexo estará composto por tres apartamentos semienterrados e totalmente cubertos de vexetación natural así como pintados con cores rechamantes. O recinto tamén conta con recepción e aparcamento.

Este proxecto empresarial tan particular, pretende ofrecer apartamentos innovadores, bioclimáticos e enerxéticamente sostibles nunha zona descoñecida como é a mariña de Lugo.

O proxecto fomentará iniciativas que poñan en valor a cultura mariñeira como excursións á lonxa, confrarías e museos mariñeiros de toda esta comarca. Ademais de diversas actividades náuticas , paseos en barco, pádel surf e kaiak, os clientes tamén poderán gozar de agradables paseos a cabalo nunha contorna natural.

As obras deste complexo prolongáronse ao redor de ano e medio e xa se están concluíndo os derradeiros detalles e foi financiado polo GALP (Grupo de Acción Local do sector pesqueiro) grazas ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). A dotación da subvención foi de máis de 135.802,00€ co obxecto de crear emprego e diversificar a economía local. Os apartamentos axudarán a fomentar e a divulgar a artesanía local e os produtos locais, e dar a coñecer a través de obradoiros a cultura marítima.

Este complexo sitúase na estrada que vai de Viveiro a parroquia de Galdo, moi preto do Pazo da Trave.