O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, foi o encargado o venres pasado de presentar a caseta que expoñerá Galicia en Fitur (Feira Internacional do Turismo) , a cal terá lugar do 22 ao 26 de xaneiro de 2020 en Madrid, ofrecendo aos visitantes unha experiencia inmersiva.

O “Túnel do Camiño” é unha das novidades principais, posto que o Xacobeo 2021 é o principal reclamo turístico a curto prazo. A través do ” Túnel do Camiño” o visitante realizará un percorrido sensorial, interactuando coa contorna grazas a unha sucesión de imaxes e vídeos, polos 10 roteiros que existen do Camiño de Santiago.

 

O visitante poderá verse vestido como un peregrino, así como escoitar os sons típicos de Galicia por exemplo, as ondas do mar, o vento ou as follas das árbores a través de Galicia sona. Ademais haberá zonas habilitadas para a realización de talleres, reunións, presentacións, degustacións para promocionar os produtos gastronómicos e vitivinícolas da comunidade.

Realizaranse unha infinidade de presentacións, co Xacobeo 2021 como eixo central pero tamén outras como Galicia MICE como instrumento promocional do turismo de congresos, novidades concretas para promocionar as etapas da volta ciclista a España ou a Waoh Route, o primeiro roteiro atlántico de mergullo en colaboración con países como Reino Unido, Portugal ou Irlanda.

Tamén haberá espazos de información para promocionar á Ribeira sacra, as illas Cíes ou Ferrol da Ilustración como propostas a Patrimonio da Humanidade.

O conselleiro destacou o punto dinamizador económico e de creación de emprego do sector turístico.

En Fitur espérase captar turistas e seguir coa evolución notable de turistas estranxeiros a Galicia.